Entrevista: Damián Alonso, doble campión de Europa de remoergómetro

Damián Alonso (A Guarda, 1982) ven de proclamarse novamente Campión de Europa de remoergómetro na localidade danesa de Copenague , revalidando o título acadado o ano pasado en Essen (Alemaña).

P. Ante todo, a nosa noraboa Damián. Xa lemos na prensa as túas sensacións previas a regata, de que non te atopabas nas mellores condicións físicas e que non descansaras ben. ¿Qué diferencias podes destacar nesta previa coa regata do ano anterior en Essen? ¿Te atopabas en mellores condicións en Alemaña?

R. O primeiro dicir que gracias polas felicitacións.  Si, o día antes en Copenhague entrenei e parecía que non estaba de todo solto, pero nada malo. O problema foi que pasei unha mala noite e pola mañán cando despertei estaba bastante canso de tanto espertar. Todo o contrario que en Alemaña un ano antes. Ademáis unha grande diferencia co ano pasado foi que este ano tiven a regata ás 9:00, cousa que me fixo madrugar moito pois téñome que pesar dúas horas antes da hora de saída, e en Essen a regata fora xa contra o medio día, cousa que te da sempre máis tempo para espertar e activar ben o corpo.

P. Unha vez que plantexas a competición e decides sair a “tirar” dende o primeiro momento buscando sacar vantaxe dende o principio, ¿non pensas nalgún momento que o teu estado físico te pode pasar factura por saír tan forte?

R. Non é que saíra moi forte, fixen unha saída dentro do normal, o único que fixen foi alargala un pouquiño máis cos demais  e en canto tiven unha distancia prudencial respecto o segundo clasificado, decidín intentar manter esa distancia sen apretar máis do necesario para que me pasase factura o menos posible o cansancio que acumulaba. E así foi, remada a remada restando metros esperando a que rematase a regata. E saíu ben.

P. ¿Qué sentes unha vez finaliza a regata e consegues novamente o título de Campión de Europa? ¿De qué ou de quen te acordas nese momento?

R.  Pois a verdade foi unha sensacion agridoce, porque si , volvera a gañar o Campionato de Europa pero estaba alí só sin nadie con quen compatir ese intre. O primeiro que fixen foi coller folgos e chamar a miña muller para darlle a noticia.O que pensaba era que me me gustaría que estivera a miña familia alí conmigo.

P. Para os máis despistados, ¿Quen é Damián Alonso e a qué se dedica no mundo do remo? ¿Cómo é unha tempada para un remeiro do teu nivel? Explícanos un pouco, ademáis do remoergómetro, qué probas acostumas disputar.

R. Actualmente estou axudando como adestrador no meu clube de toda a vida, o Clube de Remo Robaleira de A Guarda, compaxinando esa  labor, co meu traballo, a familia e os meus propios adestramentos.

O remo para min cambiou moito dende que deixei a selección por motivos varios xa hai uns anos. Actualmente fichei pola S.D.Samertolameu de Meira en Moaña para facer traíña e buscar novos retos, como foron tanto este ano coma o pasado o Europeo de Ergómetro e máis o Mundial. Ademáis de remar na traíña que foi unha disciplina que nos 20 anos que levo remando nunca fixera porque sempre me centrara na modalidade de Banco Móvil.

P. ¿Qué diferencias existen entre remar no ergómetro e remar no mar? ¿Qué te gusta máis?

R. Diferenzas?? buff, é totalmente distinto. O ergómetro non deixa de ser un simulador do movemento que facemos no mar. Non tes as mismas sensacións, non hai vento, non hai ondas, o bote non se move. Todos os factores que poden influir nunha regata na auga, no ergómetro non os tes. Ademáis o ergómetro é moito máis aburrido e monótono, é unha máquina que case todos os remeiros queren evitala, sempre preferimos remar na auga.

P. Explícanos como é un día normal da túa vida como deportista. ¿Cómo o compaxinas coa túa vida laboral?

R. O meu día a día nunca é igual, porque o meu traballo fae que unha semana me deite ás 5:00 da mañán e a seguinte podo estar na cama ás 10:00 da noite. Eses cambios nos horarios para un deportista non son nada bós, porque non colles unha rutina que te permita descansar coma deberías. Ademáis teño fillos e tamén os meus adestramentos dependen deles, por iso non teño unha hora fixa de adestramento, cousa que tampouco é boa posto que os tempos de recuperación non son moitas veces os axeitados. Vou a adestrar cando podo e cando podo deixar os nenos con alguén. Iso teño que agradecerllo a miña muller, aos meus pais e aos meus sogros porque sen a súa axuda non podería adestrar.

P. ¿Participarás no vindeiro Mundial? ¿O obxetivo é mellorar a terceira posición do ano pasado?

R. Si participarei outra vez no mundial, que de novo será en Boston (EEUU) o vindeiro dia 16 de Febreiro. O meu obxetivo é facer unha boa proba e quedar contento, se podo repetir ou mellorar o terceiro posto do ano pasado sería estupendo, pero principalmente quero acabar contento porque o ano pasado ainda que quedei terceiro volvín para casa un pouco decepcionado porque nos últimos 25 metros escapouseme a medalla de plata.

P. A nivel económico sabemos que o ano pasado encontraches un patrocinador que te axudara cos gastos da viaxe ao Mundial, xa que a viaxe era moi costosa. ¿Non gañas ningún premio económico por ser Campión de Europa? ¿Qué ingresos obtén, a marxe do teu traballo, un remeiro do teu nivel?

R. O remo é un deporte totalmente minoritario, e a axudas escasean por non decir que non as hai. Premio económico non recibo ningún, todo o contrario a viaxe a Dinamarca para disputar o Europeo saíu do meu bolso, e para ir o Mundial por ahora tamén. Non recibo axuda algunha por remar, non estou neste deporte polo diñeiro, porque non o hai. Remar sáeme do peto.

P. ¿Qué opinas das actividades deportivas que se fan na Guarda, do deporte guardés e dos deportistas guardeses?

R. Bueno ese tema daría para moito. Faense cousas si, pero creo que se poderían facer máis, o qué, como, cando e onde non sei, pero creo que os deportistas na Guarda non teñen o apoio que se lle podería, ou deberia dar (e non o digo por min) pero a xente que está empezando que consegue resultados gústalle que se lle reconoza o esforzo. E logo esta o de sempre, os cartos, pero ese punto xa non é problema a nivel de A Guarda, senón a nivel estatal porque todos queremos ver os nosos deportistas gañando títulos pero para gañar títulos e medallas hai que invertir no deporte e iso cada vez faise menos. So hai que ver os recortes que se fixeron en tódalas federacions nacionais, e logo queren traer para España os Xogos Olimpicos.......

P. Xa para rematar, desexarte moita sorte e moitos éxitos nas vindeiras citas.

Moitas grazas, espero poder conseguir algun bo resultado mais e poder compartilo con vos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario